Saturday 04 de May de 2024

A Xunta adxudica a redación do proxecto de expropiación do parque empresarial de Coristanco


O Plan estruturante de ordenación de solo empresarial do parque está sometido a exposición pública desde o pasado 15 de decembro

A Xunta destina máis de 62.000 euros á redacción do proxecto de expropiación e de apoio técnico para a execución da expropiación dos terreos, bens e dereitos necesarios para o desenvolvemento do parque empresarial de Coristanco.
O contrato, que foi adxudicado no último consello de administración da empresa pública Xestur, contará cun prazo de execución de doce meses.
Deste xeito avánzase na tramitación do futuro parque empresarial de Coristanco, que xa está a exposición pública desde o pasado 15 de decembro trala súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Os interesados poden presentar as súas alegacións, documentos e xustificantes que estimen oportunas nos 20 días hábiles seguintes á súa publicación.
O futuro polígono de Coristanco é unha das actuacións previstas no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia. Localizado na parroquia de Oca, no enlace entre as estradas AC-552 e AG-55, desenvolverase en dúas fases.
A primeira abranguerá unha superficie de 64.000 metros cadrados, na que se incluirán as parcelas necesarias para atender as necesidades actuais das empresas así como as zonas comúns, viarios e servizos que requirirá o parque. En todo caso, a previsión é que poida chegar ata os 173.000 metros, en función de como evolucione a demanda.
Cómpre lembrar que o PEOSE do polígono de Coristanco superou o trámite de avaliación ambiental o pasado mes de xuño e, desde entón, o Instituto Galego da Vivenda e Solo continuou avanzando na súa tramitación. Pola súa banda, a empresa pública Xestur é a encargada de impulsar as obras de urbanización do novo parque empresarial.